Os días 7, 8 , 9, 14, 15 e 16 de outubro
O programa inclúe actividades gastronómicas, turísticas, de entretemento e divulgación co fin de dinamizar a economía e atraer visitantes
Os establecementos participantes ofrecen as mellores tapas elaboradas con ingredientes galegos de primeira calidade
O concurso de tapas “Saborea Padrón”, organizado polo Concello do municipio coruñés, chega á súa sexta convocatoria consolidado coma un referente da gastronomía local. Esta excelente oportunidade para degustar as mellores propostas culinarias locais a prezos populares desenvolverase na primeira quincena de outubro cun programa repleto de suculentas novidades.
No apartado gastronómico, durante as fins de semana do 7, 8 e 9 e do 14, 15 e 16 de outubro poderanse degustar un total de 16 tapas elaboradas por outros tantos locais hostaleiros. Os establecementos participantes son Cafetería Alfolí, Hamburguesería Portosín, O Secreto, O Secreto do Viño, Chef Rivera, Ruta Xacobea, Café Cultural Airiños, Café Bar As Camelias, Cafetería Bámbola, A Casa dos Martínez, Retro-Visor, O Rincón, Restaurante Os Monaguillos, Casa do Patín e O Alpendre e Café Século XX. Todos eles competirán polos premios ás mellores propostas e ofrecerán as tapas a concurso a un prezo de 1,5 euros.
O certame desenvolverase este ano baixo o lema ‘Padrón é sabor en esencia, Todo suma’ e, sen esquecer o Camiño de Santiago que pasa polo municipio, incluirá novas propostas culturais. A ese respecto, a sexta edición será moito máis ca un concurso gastronómico e ofrecerá unha serie de actividades orientadas a poñer en valor os recursos patrimoniais da vila co obxectivo de dinamizar a economía local e atraer tanto a visitantes como a turistas que fagan noite no municipio.
Desta maneira, ademais do tradicional concurso de tapas, durante as datas de celebración do “Saborea Padrón” poderase gozar de escapadas de fin de semana no municipio e de diversas actividades culturais, de entretemento e divulgativas.
En canto aos premios do certame, haberá tanto para os establecementos (o do xurado e o do público) como para o público participante. O local que elabore a mellor tapa seleccionada polo xurado será galardoado cun trofeo, mentres que o gañador resultante dos votos dos participantes do “Saborea Padrón” recibirá unha placa, entre outros agasallos.
Pola súa banda, os clientes que proben as propostas ofrecidas polos establecementos terán a posibilidade de optar a diferentes premios segundo vaian enchendo os ocos do tapasporte que terán que ir selando canda a súa tapa. Escapadas e vales para consumicións son algúns dos agasallos que poden gañar.
Escapadas de fin de semana
Unha das principais novidades que trae a cita gastronómica este ano son as escapadas de fin de semana. Estas propostas turísticas permitirán vivir Padrón de diferentes maneiras, pois inclúen opcións adaptadas a distintos tipos de públicos e de todas as idades.
Millennials, familias e visitantes dos máis variados gustos e preferencias poderán gozar dunha completa oferta que inclúe gastronomía, turismo activo, visitas aos museos, catas, ocio… Plans perfectos para descubrir todos os segredos que agocha a vila nunha fin de semana de outono.
Amplo abano de actividades
En canto ás actividades, realizaranse dous Camiños Sagrados
do Camiño de Santiago que pasan por Padrón. Serán a Pedronía e a Traslatio, rutas que rematarán cunha bendición a todos os asistentes no Convento Franciscano de Herbón.
Desenvolverase tamén unha visita teatralizada á Fundación Pública Galega Camilo José Cela e a Casa de Rosalía, onde os participantes presenciarán un animado debate sobre a gastronomía actual no que intervirán os “espíritos” dos dous escritores padroneses. As encarnacións dos ilustres literatos protagonizán tamén diversas animacións nos locais adheridos ao “Saborea Padrón”.
A oferta de ocio tamén contará cos percorridos que, no segundo fin de semana do certame, realizarán varios magos polos establecementos participantes. Alí, entreterán a locais e visitantes cos seus xogos de ilusionismo.
Por outra banda, haberá opcións de carácter divulgativo para persoas con inquedanzas relacionadas coa gastronomía. Nun debate-coloquio sobre turismo gastronómico e a importancia da cociña consciente, varios expertos falarán sobre as distintas etapas da cadea de alimentación: dende que a materia prima está na terra, ata o momento en que a podemos saborear no prato.
Algunhas destas actividades serán gratuítas para os asistentes, previa inscrición. Toda a información actualizada (datas, prezos, etc.) poderase consultar na web www.terrasdeiria.com/saboreapadron
Colaboración das empresas
Finalmente, os organizadores do “Saborea Padrón” queren destacar e agradecer a colaboración das empresas locais, que empregan ingredientes galegos de primeira calidade para elaborar as tapas e ofertan os seus mellores prezos para poder vender escapadas.
Así mesmo, trasladan o seu agradecemento ás entidades que acollen as visitas, como son as fundacións Camilo José Cela e Rosalía de Castro e mailo Convento Franciscano de Herbón.