Concurso de tapas, visitas guiadas, roteiros culturais, rafting e un gastrodebate son parte das propostas que ofrece o evento
“Saborea Padrón”, evento gastronómico organizado polo Concello, abrirá a próxima fin de semana unha nova edición con importantes novidades. Baixo o lema ‘Padrón é sabor en esencia, Todo suma’, a cita chega repleta de actividades gastronómicas, culturais, divulgativas e de lecer.
Durante as fins de semana do 7, 8 e 9 e do 14, 15 e 16 de outubro poderanse degustar un total de 16 tapas elaboradas por outros tantos locais hostaleiros. Todos eles competirán polos premios ás mellores propostas e ofrecerán as tapas a concurso a un prezo de 1,5 euros. Haberá un premio outorgado polo público e outro por un xurado composto por cociñeiros de municipios de Área Santiago, grupo ao que pertence o concello padronés.
O público asistente tamén poderá optar a varios premios: vales económicos nos locais de Padrón e menús de fin de semana do Outono Gastronómico da Axencia de Turismo de Galicia. Así mesmo, o gañador do concurso de fotos do Facebook,que estará operativo durante os 15 días do evento, será agasaiado cunha fin de semana do Outono Gastronómico.
Actividades culturais, de entretemento e divulgativas
Ademais de ofertar escapadas de fin de semana no municipio dirixidas a diferentes públicos (familiares, millennials, grupos…),dentro de programa do “Saborea Padrón” organizaranse actividades culturais, de entretemento e divulgativas.
O sábado 8 de outubro a partir das 17:00h os espíritos de Camilo José Cela e de Rosalía de Castro estarán pola vila e tamén haberá visitas teatralizadas á Fundación P.G. Camilo José Cela e á Casa de Rosalía, actividades ambas gratuítas para os asistentes (previa inscrición).
O domingo tocará actividade extrema: rafting polo Río Ulla con Amextreme. O día 11 de outubro pola tarde haberá visita guiada a Herbón, tanto ás pementeiras como ao Convento Franciscano, onde os asistentes recibirán unha bendición especial da man dos Padres Franciscanos (tamén gratuíta).
O mércores 12, aproveitando a festividade, será o día do Camiño Sagrado Pedronía: andaina de Santiago a Padrón que rematará coa visita ao Pedrón e o Vía Crucis a Santiaguiño do Monte. O roteiro está dirixido por Inés de Facendo o Camiño e farase parada e visita no Pazo do Faramello.
Para a última fin de semana do “Saborea Padrón”, o sábado 15 de outubro haberá visita guiada á vila de Padrón (17:00h), e despois será o momento do gastrodebate sobre a alimentación consciente, actividade gratuíta e sen reserva previa. Como relatores participarán Gloria Pérez (escritora e nutricionista), Carlos Enrique Hernández Coto e outros representantes da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego APATRIGAL, David Fernández Martínez (iogur artesán de Touro, Gurgur), Cristina Codesido (Vermú Petroni), membro da cooperativa padronesa A Pementeira e Carlos de Pulpo en Tabla.
A mesa estará moderada por Luisa Ferreiro Veiga, directora de Galicia es +, axencia de viaxes receptivo de Galicia. Esta tertulia-debate rematará coa degustación de produtos da terra: marmelada de pemento de Herbón, ‘pulpo en tabla’ e iogur artesán de Gurgur, acompañados dun Vermú Petroni.
Por outra banda, nesta mesma xornada haberá, durante todo o día, espectáculos de maxia e animación polos diferentes establecementos hostaleiros participantes.
Como peche das actividades do “Saborea Padrón 2016”, o domingo 16 pola tarde realizarase a Traslatio, un Camiño Sagrado que consistirá nunha viaxe en barco dende Catoira ata Padrón: A ruta que, segundo os historiadores, fixeron os discípulos do Apóstolo Santiago para trasladar os seus restos mortais.
Finalmente, durante todo o evento gastronómico poderase visitar a exposición ‘Farmacia Baltar, 200 anos de historia en Padrón’, no Auditorio Municipal da vila padronesa.
Información e reservas
Para todas as actividades será preciso inscrición previa, agás o gastrodebate. Toda a información actualizada está en www.terrasdeiria/saboreapadron .
Información e reservas: Turismo de Padrón, na Oficina de Turismo de Padrón (no teléfono 646.59.33.19), ou na axencia comercializadora das escapadas e actividades, Viaxes Alma Gaia (no teléfono 629.95.73.94).