saborea-padron-2016

Saborea Padrón invita a descubrir a vila a través de distintos plans de fin de semana

 A novidosa proposta de escapadas inclúe actividades gastronómicas, culturais e de aventura

Volve de novo o Saborea Padrón. Durante as fins de semana do 7, 8 e 9 e do 14, 15 e 16 de outubro poderanse degustar un total de 16 tapas elaboradas por outros tantos locais hostaleiros, gozar de múltiples actividades e tamén durmir na vila con varias propostas de escapadas.

Na súa sexta convocatoria, Saborea Padrón vai mais alá do concurso de tapas e presenta un amplo abano de propostas gastronómicas, turísticas, de entretemento e divulgación pensadas para os veciños da zona e tamén para persoas chegadas desde outros lugares.

Así, baixo o lema Padrón é sabor en esencia. Todo suma’ e, sen esquecer o Camiño de Santiago que pasa polo municipio, esta edición incluirá novas actividades culturais orientadas a poñer en valor os recursos patrimoniais da vila co obxectivo de dinamizar a economía local e atraer tanto a visitantes de día como a turistas que fagan noite no municipio.

Escapadas para todos os públicos

Unha das principais novidades que trae a cita gastronómica este ano son as escapadas de fin de semana. Estas propostas turísticas permitirán vivir Padrón de diferentes maneiras, pois inclúen opcións adaptadas a distintos tipos de públicos e de todas as idades.

Visitantes dos máis variados gustos e preferencias como poden ser millennials, familias, singles ou grupos poderán gozar dunha completa oferta que inclúe gastronomía, turismo activo, visitas aos museos, catas, ocio… Plans perfectos para descubrir todos os segredos que agocha a vila nunha fin de semana de outono:

  • Saborea Padrón. A proposta gastronómica por excelencia, no seu paquete básico inclúe a posibilidade de pasar a noite nun dos aloxamentos senlleiros da vila e dúas comidas ou ceas nos restaurantes gastronómicos padroneses.
  • Entre pratos e literatos. Dá a posibilidade de durmir nun aloxamento en Padrón (a escoller entre varios), comer ou cear de tapas e visitar os museos da vila.
  • Padrón Extreme. Escapada que propón unha actividade turismo activo e aloxamento da vila de Padrón. Dentro desta modalidade haberá outra variante, a cal inclúe varias actividades no Parque Multiaventura de Padrón.

A maiores, todas as escapadas inclúen vale de tapas do Saborea Padrón (a cantidade depende da escapada escollida). Tamén permiten asistir ás actividades que se desenvolverán na vila neses dous primeiros fins de semana de outubro, as cales se desvelarán proximamente.

Como anticipo das actividades centrais, a organización da cita gastronómica padronesa avanza unha programación cos Camiños Sagrados da Pedronía (12 de outubro) e a Traslatio (16 de outubro), unha visita teatralizada cos espíritos dos escritores Camilo José Cela e Rosalía de Castro (o sábado día 8) e un gastrodebate sobre a cociña consciente. Este último desenvolverase á tardiña do sábado 15 e reunirá en Padrón a relatores de primeiro nivel.

Algunhas destas propostas culturais e de ocio serán gratuítas para os asistentes, previa inscrición. Toda a información actualizada (datas, prezos, etc.) xa se pode consultar na web www.terrasdeiria.com/saboreapadron e tamén en www.viajesalmagaia.com, axencia a través da cal poderán facerse as reservas das escapadas e as distintas actividades.